COOP 57 SERVIZOS FINANCEIROS ÉTICOS E SOLIDARIOS

COOP 57 SERVIZOS FINANCEIROS ÉTICOS E SOLIDARIOS

 

Coop57 é unha cooperativa de servizos financeiros éticos e solidarios que ten como obxectivo principal contribuír para a transformación social positiva da nosa economía e da nosa sociedade.

A súa función principal é o financiamento de proxectos de economía social e solidaria mediante a intermediación financeira. Isto significa recoller e captar o aforro da sociedade civil para o poder canalizar cara ao financiamento de entidades da economía social e solidaria que promovan o emprego; impulsen o cooperativismo, o asociacionismo e a solidariedade en xeral; e fomenten a sustentabilidade sobre a base de principios éticos e solidarios.

Coop57 é unha organización democrática e de base asemblearia formada por persoas e entidades do ámbito da economía social e solidaria. A entidade é propiedade de todos os seus socios e socias que se autoorganizan para a xestión da cooperativa.

En Coop57 non existe a figura do cliente senón que todas as persoas e entidades que se vinculan a ela fano desde a posición de socias da cooperativa.

A finais de 2018 conta cun total de 881 entidades socias -39 en Galiza- e 4.198 socias colaboradoras -146 en Galiza.

Nese 2018 ten aprobado un total de 262 empréstitos -10 en Galiza-  por un total de 14.570.010 de euros -297.800 € en Galiza.

Coop57 rexe a súa actividade baseándose nos seguintes principios:

Principios das finanzas éticas

En Coop57 asumimos e promovemos os principios das finanzas éticas. Son cinco os principios fundamentais:

  • Principio de Ética Aplicada: Aplicación de criterios non económicos nas decisións de aforro e investimento.
  • Principio de Participación: A toma de decisións efectúase de xeito democrático coa participación dos socios e socias.
  • Principio de Coherencia: Que o destino que damos ao noso diñeiro non entre en contradición cos nosos valores.
  • Principio de Transparencia: Ofrecer información regular e pública de todas as actividades e as súas consecuencias.
  • Principio de Implicación: Os principios éticos teñen dimensión transversal na entidade, na súa actividade, a súa actitude e o seu compromiso.
Principios cooperativos:

Asumimos e promovemos os principios cooperativos da Alianza Cooperativa Internacional:

  • Adhesión voluntaria e aberta: As cooperativas son organizacións de natureza voluntaria, abertas a todas as persoas coa necesidade de facer uso dos seus servizos.
  • Control democrático de seus membros: As cooperativas son organizacións xestionadas de forma democrática polos socios e socias, que participan de forma activa das suas políticas e na toma de decisións.
  • Participación económica dos socios e socias:  Os socios e socias contribúen de forma equitativa no capital da súa cooperativa e que o xestionan de forma democrática.
  • Autonomía e  independencia:  As  cooperativas son organizacións autónomas de autoaxuda, xestionadas polos seus socios e socias.
  • Educación, formación e información: As cooperativas proporcionan educación e formación aos socios e socias, aos representantes elixidos, directivos e empregados para que poidan contribuir de forma eficaz ao desenvolvemento das súas cooperativas.
  • Cooperación entre cooperativas: As cooperativas deben fortalecer ao movemento cooperativo traballando de forma conxunta.
  • Interese pola comunidade: As cooperativas traballan para acadaren o desenvolvemento sustentábel das súas comunidades.

Datos de contacto:

Mail: galicia@coop57.coop

Web: https://coop57.coop/gl/galiza