FORO SOCIOEDUCATIVO OS NINGUÉNS

Logo Os Niguéns Mostra do PosibleFORO SOCIOEDUCATIVO OS NINGUÉNS

Un grupo de persoas (cidadáns, activistas, profesionais das ciencias socioeducativas, sanitarias e psicosociais) decidimos en 2015 poñer en marcha un espazo de encontro na contorna de Vigo,  como instrumento transformador para as persoas empobrecidas que non cobren as súas necesidades básicas.

Poboación diana: Persoas con ingresos cero ou preceptores de axudas institucionais tales como RISGAS, PNCs, RAIs, cheques sociais,  que configuran unha poboación excluída e estigmatizada, moitas veces invisibilizada (poboación oculta e ocultada), que padece un sufrimento insoportable constante, permanente e que moitas veces se cronifica, provocando desequilibrios psicosociais severos.

Desde Os Ninguéns traballamos cos propios afectados en plano de igualdade para obter entre todos os diagnósticos concretos, a pé de rúa, destas situacións. Tamén desempeñamos unha actividade reivindicativa, ademais dun traballo de contradiscurso fronte ás informacións institucionais oficiais sobre a poboación empobrecida, non sempre certas. Igualmente tentamos facer pedagoxía para combater a aporofobia, isto é, o medo ou o rexeitamento cara a estes perfís, explicando cal é a súa realidade e tentando crear conciencia colectiva. Tamén se traballa cos compañeiros en charlas, talleres, sobre conceptos como a resiliencia, a capacidade de superar os traumas e as situacións complexas da vida por medio da asimilación, para crear convivencia constante e lazos comúns.

Datos de contacto:

https://www.facebook.com/osninguensvigo

Mail: osninguensvigo@gmail.com