benmercado.gal, primeiro paso cara un Mercado Social Galego?

 Benmercado.gal é a primeira plataforma de venda en liña da Economía Social e Solidaria.  É unha iniciativa pioneira a nivel estatal que busca visibilizar na rede os produtos éticos. Os consumidores podemos acceder a bens e servizos coa garantía de que respectan ao medioambiante e os dereitos das persoas.

Benmercado.gal está dirixida a aquelas empresas galegas que funcionan con criterios éticos, democráticos, ecolóxicos e solidarios.  Non tódalas empresas poden facer uso desta plataforma, benmercado.gal está dirixida ao mercado galego e facilita o contacto directo entre empresas produtoras e público consumidor que busca produtos e servizos acordes coas súas ideas e valores.

Benmercado.gal pode ser a pedra angular sobre a que se articule o futuro Mercado Social Galego . O Mercado Social é xa unha realidade con notable éxito noutras comunidades do estado como as Illas Baleares, Aragón, Cataluña, Navarra, Euskadi ou Madrid, mais ainda está por configurarse en Galicia.

O Mercado Social pretende satisfacer unha parte significativa das necesidades dos participantes dentro da rede de entidades, colectivos e persoas que conforman a economía social e solidaria. O Mercado Social está cimentado nas alianzas entre produtores, distribuidores e consumidores que comparten unha mesma visión da economía. Unha vez tecida a rede do Mercado Social existen ferramentas que permiten visibilizar o esforzo colectivo e fortalecer as alianzas, como descontos, a utilización de moedas complementarias ou a realización da auditoria social.

O sábado 6 de outubro ás 11:00 da mañán presentarase a iniciativa do Mercado Social Galego e poderase coñecer de primeira man o funcionamento de benmercado.gal na Alameda Nova de Cangas do Morrazo.